A realidade actual da FP en Galicia ven ser a atomización, fomentada durante anos por uns gobernos do PP que creaban centros ou abrían ciclos naqueles lugares ou concellos que, dende unha visión utilitarista en termos de rendabilidade electoral conviña. Foron tempos de axudas da UE e, por que non dicilo, de derroche de capital económico e intelectual, xa que non hai cousa que rache máis as aspiracións dun rapaz que o formarse axeitadamente para non dar atopado un traballo relacionado co seu, debido a saturación da oferta de man de obra que xeraba tal desgoberno na planificación do mapa de titulacións.
No actual contexto tecnolóxico e produtivo dos sectores máis dinámicos, nos que os cambios se suceden a velocidade de vértigo, se hai unha realidade certa é que gravitan en torno ao coñecemento, pasan por ter taxas de alto valor engadido, aportan competitividade ao país e precisan dunha aprendizaxe permanente ao longo da vida do traballador. A pregunta necesaria é cómo respostar a esta demanda de coñecemento?
Fálase permanentemente no campo do I+D+i da universidade, pero non chega. A realidade é que os centros de formación profesional, e en especial os Centros Integrados, teñen unha vinculación moi estreita co contorno produtivo no que están asentados, coñecendo pois, carencias e potencialidades daqueles. Un dos xeitos de achegar á universidade a empresa e a potenciación do necesario vínculo ca FP, nunha permeabilidade simbiótica que beneficiará, sen dúbida, aos dous. Iso sí, aportando pero esixindo axeitadamente aos profesionais de ambalas dúas institucións.
Nesta colaboración é imprescindible reordenar o mapa de titulacións dacordo ás realidades dos distintos contornos, crear centros de FP especializados por campos e con dotación de becas e residencias de alumnos compartidas coas propias universidades, experiencias que xa funcionaron fai anos nas antigas universidades laborais, marcos onde se misturaban a formación profesional e a universitaria e que foi o xerme de infinidade de iniciativas empresariais. Así poderemos integrar a formación ocupacional, a continua e a regrada nun mesmo centro, dotado axeitadamente e cunhas taxas de aproveitamento das instalacións e inversións óptimas.
E coma socialistas non podemos pasar por alto unha realidade moi preocupante que está eiquí; durante anos milleiros de rapaces deixaron os seus estudos, a idades novas, para acceder a postos de baixa cualificación en sectores coma a construción, motivados na súa maior parte pola falla de capacidade económica dos seus país de respostar ás súas demandas de consumo, rapaces que viñan de entornos traballadores e que agora, desempregados, precisan para evitar o risco da exclusión laboral e social, o seren acollidos por estes sistemas de aprendizaxe que os reintegren ao mercado axeitadamente cualificados e sabedores xa desta necesidade de formación permanente.
Esta é a nosa xente, pola que cómpre ollar. Outros, máis dotados económicamente, solventan as súas carencias de titulación acudindo a esas universidades de todo a cen que inclúen na proba de acceso a acreditación da capacidade económica do pagador e unha bolsa de traballo para colocalos posteriormente sen que cheguen a ser quen, no seu universo de privilexio e conservadurismo, de vivir na realidade cotiá. Os que pagan a pena precisan da acción política para mudar de situación e é a nosa obriga darlles resposta.