Vivimos tempos nos que a maneira de facer política cambiou en boa medida pola irrupción do que alguén denominou “Nova Política”, que chegou acompañada da dialéctica de xerar confrontacións e división. Os de “abaixo contra os de arriba”, “non somos de esquerdas nin de dereitas” “os partidos do réxime”… en fin, unha maneira de entender a acción política fiando o seu crecemento como organizacións a enfrontar a uns contra outros, apuntando problemas pero incapaces de achegar solucións. Presentándose como inmaculados pero sen recato algún para presentarse en diferentes circunscricións electorais baixo a forma ben antiga do “ cunero”, ben pola Coruña, ben por Pontevedra, desvinculándose así claramente do territorio ao que representan.
Eses modos adanistas de entender a acción política non son propios do PSdeG, nin os que o achegan a gobernar, aínda que algúns nestes últimos anos caeron na tentación de sinalar aos propios como bos ou malos socialistas nunha estratexia propia desa política do enfrontamento e división que só deixa tras de si na organización descrédito institucional e desconexión entre política e cidadanía.
A análise electoral fría do ocorrido nos últimos procesos electorais lanza a evidencia de que hai unha cidadanía capaz de confiar nun proxecto socialista en clave galega chamado a actuar como catalizador das esperanzas dunha sociedade que reclama respostas, alternativas e unha nova folla de roteiro en clave progresista, pero que ha de ser atendida, escoitada e entendida. Esa análise obxectiva permite afirmar que o voto en Galicia non ten dono e que a cidadanía progresista elíxenos cando sente protagonista do discurso de quen é capaz de liderar nun ámbito local, europeo ou estatal e que reclama motivos para facelo no autonómico.
Porque a verdadeira esquerda é a que se configura como unha alternativa ao PP, que aspira a volver a supérao, e iso pode conseguilo quen leva anos mostrando desde as institucións que hai unha forma distinta de gobernar, desde a esquerda e impulsando políticas reais, as que se len en boletíns oficiais e melloran a vida da xente. Para iso o PSdeG necesita un Secretario Xeral que teña ilusión, ganas, madurez e solvencia, capaz de marcar un discurso propio con tempos propios para Galicia, sen atacar a ninguén, sen confrontar persoas nin territorios. Un proxecto en positivo, que ademais de identificar problemas, achegue solucións.
A día de hoxe o que necesitan o PP, e o BNG é un PSdeG no que nada cambie para eles sigan sentíndose cómodos, e porque como dixo Einsten “Tolemia é facer o mesmo unha e outra vez e esperar resultados diferentes”.
A pesar do ruido vivido non fai falta dicir a quen decidín apoiar como froito da reflexión obxectiva.
No hay comentarios:
Publicar un comentario